Pagos de Brigante

“Somos dos últimos en chegar e, ao contrario que outros compañeiros da zona, temos unha estrutura empresarial. Ademais temos posibilidades de investir e non temos présa por obter resultados, queremos facer bos viños”.

Sendo historicamente unha zona de importante produción de viño, a superficie de vide foi moito a menos na conca do río Mandeo en anos recentes, minguando en poucos anos o número de adegueiros que embotellan e comercializan. Nese contexto, o ambicioso proxecto de Pagos de Brigante é un novidoso e recoñecido esforzo por virar as cousas e unha nova oportunidade para o emprendemento no eido da viticultura na comarca de Betanzos.

Luís Sande, alma mater do proxecto, está totalmente convencido do potencial dos viños de Betanzos. Durante a súa vida profesional como funcionario estivo dedicado ao control da produción en distintas zonas vitivinícolas, primeiro desde Galicia e despois desde Bruxelas, polo que é un bo coñecedor tanto dos viños galegos como dos do resto de España e de Europa.

Na súa opinión, a herdanza de falta de prestixio que ten lastrado os viños da zona é hoxe un recordo afastado no tempo diante dos caldos que están abrollando na IXP Terra de Betanzos. Sande destaca o terroir único da área betanceira e afirma rotundo que os viños de Betanzos teñen aínda por facer ese mesmo percorrido que nas últimas décadas fixeron os viños das denominacións de orixe de Galicia e que están a empezar tamén na actualidade outras zonas con IXP.

Pagos de Brigante é unha aposta decidida pola profesionalización dos viños de Betanzos, por convertelos en homologables en calidade aos que xa se fan noutras zonas de Galicia e do mundo, pero mantendo as características que lles son propias e que os diferencian.

Xunto con seu fillo e un equipo profesional, pilota unha iniciativa con vocación empresarial que mesmo se ten involucrado no proxecto europeo ECOSPHEREWINES, destinado a mellorar os servizos ecosistémicos prestados polas paisaxes agrícolas do viñedo a través da implementación dunha rede de infraestrutura verde en zonas de alto valor ecolóxico como estratexia enfocada á súa conservación e xestión sostible, mellorando a biodiversidade e aumentando a súa resiliencia fronte ao cambio climático.

Nome Comercial: Pagos de Brigante SL
Ano da fundacion da adega: A empresa en 2018; a adega en 2020
Breve historia: Replantación dun viñedo histórico de orixe medieval, de nome “Picha”, que tivo o seu maior auxe no século XVII. Conta con 5 km liñais de terrazas cun 70% de inclinación, na zona coñecida como Curva do Espello, en Obre (Paderne), da beira dereita do Río Mandeo, perto dos Caneiros.
Variedades de uva coa que traballa: Oito variedades: Branca lexítima, Godello, Agudelo, Palomino fino (brancas) e Mencía, Serradelo, Garnacha tintureira e Roibal (tintas).
Volume aproximado de produción: Arredor de 7.000 botellas
Nome dos viños comercializados: Monovarietais: “Val do Ceo” (Branca lexítima), “Garelo” (Godello e algo de Agudelo), “Na Beira” (Godello), “Bacelouro” (de fermentación con maceración); “Cataventos” (rosado, de Mencía con Serradelo), “Ramallo” (Mencía e algo de Garnacha). Multivarietal: “Gran Brigante”
Outros produtos ademais de viño?: Augardente “O Boo”; viño de licor “Tiaconcha”
Persoa de contacto: Luis Sande
Enderezo: Paseo Antolín Faraldo, 10. 15300 – Betanzos
Correo electrónico: pagosdebrigante@gmail.com
Redes sociais: https://www.facebook.com/profile.php?id=100064338092305, https://www.instagram.com/pagosdebrigante_/
Teléfono: 630 80 64 59
Pode visitarse a adega?: Organiza catas de viño e visitas aos viñedos.
Adega Pagos de Brigante - Viños da Coruña