Non é tan coñecido para o gran público que a Denominación de Orixe das Rías Baixas ten tamén localizacións na provincia da Coruña. Trátase da subzona máis recente desta DO, incluída na altura do ano 2000, e que se estende máis aló dos límites da provincia de Pontevedra, pola ribeira do río Ulla, e chega a municipios como o de Boqueixón, onde se asenta a Bodega María Manuela.
“María Manuela” é en esencia un proxecto de enoturismo, nado da “ilusión” dunha nai, unha filla e seu marido por recuperaren “o que un día foron as terras que os viron nacer”. O nome fai referencia ás mulleres de referencia para a familia que traballaron a terra durante decenios, a nai María e a avoa Manuela, e así foi bautizado o proxecto, en homenaxe ás mulleres piar fundamental no traballo e conservación do rural.
Enoturismo María Manuela é así un proxecto que reúne media ducia de acolledoras cabanas de aloxamento turístico, canda as terras onde se asentan os viñedos de onde sae a uva para o viño que elaboran.
Os albariños María Manuela queren engaiolar os visitantes cunha proposta global, que inclúa a estancia á beira dos viñedos, degustacións de viños exclusivas un percorrido guiado entre viñedos e bosque autóctono, incluíndo por suposto a visita á adega, construída en madeira e todo un modelo construtivo de eficiencia enerxética.