Lorenzo Bescansa

Desde 2005, Lorenzo Bescansa elabora o seu viño branco, con cepas de Branco Lexítimo, en terras de Betanzos e sobre as ribeiras dos ríos Mandeo, Mendo e Marulo. O Branco Lexítimo, verdadeira xoia que empeza agora a descubrirse, combínase sobre o terreo con Agudelo e Serradelo. Adegas Lorenzo Bescansa posúe a maior plantación en Galicia de clons autóctonos da variedade Branco Lexítimo. De feito, revélase como a primeira adega de Betanzos que elaborou Branco Lexítimo e Agudelo.

Desde aqueles inicios, alá por 2005, continúan sendo unha pequena empresa, moi persoal, moi pegada á terra e ao país, con elaboracións artesás tanto en campo como en adega.

Coidado persoal, atención aos detalles e gusto polo ben feito, para un concepto artesanal do proceso que reúne formación, rigor técnico e coñecemento científico. Estando á fronte da adega un experto enxeñeiro agrónomo, titulado pola Politécnica de Madrid, garántese ese extra adicional que explica as calidades altamente especiais dos seus viños.

En 2015 a prestixiosa publicación de Robert Parker publicou unha reseña do catador Luís Gutiérrez sobre o viño “Lorenzo Bescansa 2012” onde apunta, entre outros, o seguinte: “Fiquei realmente impresionado por este branco fabuloso que ven dunha zona completamente esquecida que mestura notas de brisa mariña, pedernal, fiúncho e pedras moídas (…) Este é un viño de carácter, realmente, unha sorpresa agora accesible e perfecta con mariscos ben iodados. Porén, dada a súa mineralidade e acidez, sorprenderíame que, pouco a pouco, non desenvolvese unha maior complexidade en botella. Bravo!”

As mans de Lorenzo Bescansa tratan estas viñas co amor de quen, traballando como asesor externo para adegas de toda Galicia e para o CSIC, garda aquí o seu propio recuncho íntimo. O seu branco ten un 85% da variedade Branco Lexítimo e un 15% de Agudelo, cunha gradación de 12º. Vinifícase a temperatura controlada e non se somete a procesos de fríos nin de estabilización, razón pola que poden atoparse sedimentos. En cata, trátase dun branco novo, con certa complexidade e frescura vertebrada por unha excelente acidez e largura. A produción aproximada é dunhas 5.300 botellas.

.

Nome Comercial: Adegas Lorenzo Bescansa SLU
Ano da fundacion da adega: A empresa en 2006, a adega en 1999
Breve historia: Pioneira en traballar co branco lexítimo en Betanzos. O seu fundador, o enxeñeiro agrónomo Lorenzo Bescansa foi pioneiro no estudo sobre o potencial do branco lexítimo, describindo a variedade e recollendo material en prol da súa recuperación.
Variedades de uva coa que traballa: Branco lexítimo, Agudelo
Volume aproximado de produción: 3.000-4.000 litros ao ano
Nome dos viños comercializados: Dous: “Lorenzo Bescansa” e “Lorenzo Bescansa Ouro Moído”
Outros produtos ademais de viño?: Non
Persoa de contacto: Lorenzo Bescansa
Enderezo: Rúa Panadeiros, 30 – 3º esq. 15001 – A Coruña
Correo electrónico: adegasbescansa@gmail.com
Redes sociais: https://www.facebook.com/adegas.lorenzo.bescansa, https://twitter.com/lorenzobescansa
Teléfono: 657924136
Pode visitarse a adega?: Actualmente, non, pero hai previsión de recuperar as visitas proximamente.
Adega Lorenzo Bescansa - Viños da Coruña