Entre os Ríos

O pai de José Crusat, Francisco Crusat, é quen funda a adega, aínda que xa desde antes de 2002 elaboraba viño; primeiro para consumo propio, logo para os amigos. No ano 2006 a partir da unión das asociacións de viticultores de Barbanza e da zona de Iria Flavia forman a IXP Viños dá Terra do Barbanza e Iria con 4 adegas amparadas: ademais da propia Adega Entre os Ríos na Pobra do Caramiñal, estarán inicialmente a adega Boal de Arousa en Padrón, Adega do Moucho na parroquia de Xuño en Porto do Son, e a adega Antonio Saborido en Boiro.

A adega está localizada na Pobra do Caramiñal e dispón de viñedos propios nun 70%, sendo o resto procedente de viticultores da zona. Sitúanse nunha zona localizada na área norte da ría de Arousa con vertentes sur-suroeste, chans graníticos e xistos propios da península do Barbanza. Os viñedos propios proceden dos clons do Convento da Mercé e foron seleccionados entre as cepas máis vellas da zona hai máis de 30 anos.

Actualmente Adega Entre os Ríos ten 1,8 hectáreas en propiedade e controla e traballa outra, alén de comprarlle uva aos mesmos viticultores desde hai anos, o que representa unha hectárea adicional de cultivo. As cepas, fundamentalmente Albariño, aínda que con algo de Treixadura, Raposo e algo de castes tintas, teñen idades de entre 15 e máis de 50 anos, e están plantadas en chans graníticos, de xisto e algo de terra de aluvión. Os rendementos son duns 7000 Kg/Ha (aínda menores que os permitidos pola IXP). Destacan que no viñedo abandonouse desde hai anos o uso de herbicidas, e téntase facer os mínimos tratamentos posibles. Todas as fermentacións levan a cabo en inox co fermento indíxena dos viñedos, e téntase limitar ao mínimo o uso de sulfuroso. A produción total da adega é de entre 15.000 e 25.000 botellas anuais.

Na adega elabóranse actualmente cinco viños brancos, dous deles baixo o control e a supervisión de Francisco (Casal do Monte e Altares de Postmarcos) e nos outros José Crusat dá renda solta á súa creatividade (Vulpes Vulpes, KomoKabras, KomoKabras Verde e KomoKabras Amarelo). Ademais, hai viñificacións “experimentais” con uvas tintas. As instalacións complétanse coas naves de elaboración e embotellado, que contan cunha moderna tecnoloxía.

Nome Comercial: Adega Entre os Ríos SL
Ano da fundacion da adega: 2006
Breve historia: Remóntase a 1979, cando Francisco Crusat comeza a elaborar o viño.
Variedades de uva coa que traballa: Albariño, Branco lexítimo ou “Raposo”, Caíño (brancas) e Mencía (tinta).
Volume aproximado de produción: 25.000 botellas, aínda que se agarda que a produción sexa moito máis elevada para 2026.
Nome dos viños comercializados: Altares de Postmarcos, Komokabras Verde, Komokabras Amarillo, Komokabras Naranja
Outros produtos ademais de viño?: Non.
Persoa de contacto: Francisco Crusat
Enderezo: Lugar Entre Os Rios, 2, 15948 A Pobra do Caramiñal
Correo electrónico: adega@entreosrios.com
Redes sociais: https://www.facebook.com/adegaentreosrios, https://www.instagram.com/adegaentreosrios
Teléfono: 607817876
Pode visitarse a adega?: Con grupos mínimo de seis persoas. Faise explicación da viticultura da costa, do proceso de elaboración dos viños, da maquinaria, das etiquetas, dos matices, das marcas e unha degustación de tres viños con maridaxe de tres tapas.
Adega Entre Ríos - Viños da Coruña