“En 1942 nace o noso proxecto vitivinícola. Somos unha adega familiar comprometida coa recuperación e posta en valor da variedade branco lexítimo, propia da comarca das Mariñas, así como doutras variedades e licores”.
Adegas Rilo nace no século pasado como un proxecto persoal de Eduardo Rilo, que se dedicou orixinalmente á venda e distribución de viños de mesa. Actualmente, a adega está xestionada pola terceira xeración da familia, que renovou as instalacións e ampliou as leiras e variedades de cultivo, apostando pola recuperación da variedade branco lexítimo, propia da comarca das Mariñas.
“Neste sentido, fomos un dos impulsores do proxecto de viticultura «Conexión Mandeo», de recuperación de viñas abandonadas e produción de branco lexítimo. Ademais, a nosa aposta pola innovación e compromiso pola terra propiciou que a nosa adega fose premiada co selo de calidade das Reservas da Biosfera españolas, sendo a primeira produtora de viño a nivel estatal que consegue esta distinción”.
A adega destaca tamén, entre os proxectos máis recentes, a creación do «Espumoso lexítimo», un brut nature elaborado polo método Champenoise; así como a elaboración do viño de Betanzos de vendima tardía «Doce lexítimo», que reinventa o concepto de viño doce a partir da uva do branco lexítimo. Ademais dos viños, producen tamén exclusivos licores artesanais.