Antonio Saborido

“Non quero facer un viño comercial que sempre sexa igual, prefiro elaborar cousas pequenas e persoais”. Era unha das máximas de Antonio Saborido, fundador das adegas que levan o seu nome, xestionadas actualmente polo seu fillo Jorge Saborido.

“A nosa historia comeza á beira do mar”, destacan desde esta adega situada na costa norte da ría de Arousa, ao pé da serra do Barbanza, na aldea de Esteiro, en Boiro. Unha zona na que, lembran, hai vestixios arqueolóxicos que informan da existencia de numerosos asentamentos prehistóricos, por exemplo: os castros de Neixón, os monumentos megalíticos no alto da serra do Barbanza xunto ao lugar de Noceda ou os petróglifos na parroquia de Bealo, entre outros.

“Un anaquiño da costa do Barbanza”, subliñan: “En Antonio Saborido contamos cunha hectárea de viñedos propios onde nos facemos cargo da conservación da uva Branca lexítima, tamén coñecida como Raposo ou Albarín branco”. Durante máis de 7 anos fixéronse micro-viñificacións na estación enolóxica de Leiro, en Ribadavia, para saber os caracteres organolépticos da uva. Despois de que a MBG (Misión Biolóxica de Galicia) e a EVEGA (Estación de Viticultura de Galicia) recollesen mostras, estableceuse que estas cepas teñen máis de 100 anos de antigüidade. “A día de hoxe, esta variedade soamente existe aquí, en Paderne e tamén en Negueira de Muñiz (en Fonsagrada) noutros lugares desapareceu por mor da filoxera ou simplemente foi cortada”.

Os viños Antonio Saborido, destácannos, son perfectos para maridaxe con produtos típicos da comarca, como son os mariscos como o mexillón, queixos “ou simplemente gozar en boa compañía”.

Nome Comercial: Bodegas de Calidade de Antonio Saborido López.
Ano da fundacion da adega: 2007
Breve historia: Antes da fundación da adega, facíase xa viño na casa do pai e do avó.
Variedades de uva coa que traballa: Raposo (Branco lexítimo), Albariño e algo de Treixadura (brancas); Caíno e Mencía (tintas).
Volume aproximado de produción: 5.000 litros, aínda que depende do ano.
Nome dos viños comercializados: Brancos: “Xirpín” (Raposo e Albariño), “Raposo de Xirpín” (Raposo), “Xirpín Albariño”. Tintos: “Miúdo” (Caíno), “Orballo” (Mencía), “Fasquía” (Mencía-Caíno)
Outros produtos ademais de viño?: Non.
Persoa de contacto: Jorge Saborido
Enderezo: Esteiro, 20. 15939 – Boiro
Correo electrónico: info@bodegasantoniosaborido.com
Redes sociais: IG: @bodegasantonio
Teléfono: 649987012
Pode visitarse a adega?: Actualmente non, xa que se está reorganizando o proxecto.
Adega Antonio Saborido - Viños da Coruña